Saturday 11 de May de 2024

Inés Rey: “A lingua é riqueza, país, cultura e patrimonio”


A alcaldesa animou a todas as administracións públicas a impulsaren o uso do galego como fai o Concello da Coruña, na súa intervención esta mañá no acto de conmemoración da primeira sentenza ditada en galego organizado pola Irmandade xurídica galega, IXUGA.

A alcaldesa, Inés Rey, afirmou que “a lingua é riqueza, país, cultura e patrimonio”, na súa intervención esta mañá no acto de conmemoración da primeira sentenza ditada en galego organizado pola Irmandade xurídica galega, IXUGA, coa colaboración do Concello da Coruña.
A rexedora reforzou esta idea ao lembrar as palabras de Castelao en que o intelectual destacou que a lingua é a que define un país: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma, porque na fala galega vive a ailma da nosa terra”. E tamén lembrou as palabras do poeta Manuel Maria “Galicia somos nós: a xente e mais a fala”.

Inés Rey aproveitou o acto para manifestar a importancia do uso da lingua galega en todos os ámbitos da vida, unha realidade que está lonxe de alcanzarse pero na que se segue avanzando. A alcaldesa referiuse ao ámbito administrativo, en concreto, ás administracións locais que deben favorecer o uso do galego: “As institucións públicas temos a responsabilidade de impulsar o uso do galego non só para que non se perda, senón tamén para fortalecelo” Rey animou a todas as galegas e galegos a utilizar un idioma que cualificou como “tesouro”, e insistiu “en que temos que aloumiñar a nosa lingua, ensinala e falala”.

O acto contou coa presenza de José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Consuelo Castro Rey, avogada xeral do Estado; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da Irmandade Xurídica Galega; Carlos Varela García, Fiscal da Fiscalía Superior de Galicia e Xoán Antón Pérez Lema, avogado membro da IXUGA